Alboraba un día plenamente primaveral e xa nas primeiras horas tomamos camiño cara ao norde. Atravesamos o interior da provincia da Coruña, pola A-6 en direción Madrid. aló por Vilalba, na Terra Chá. E dende alí continuamos cara Asturias, cara a Mariña Luguesa, un pequeno paraíso case descoñecido para a masa. Talvez sexa precisamente iso o que nolo fai máis atractivo, a tranquilidade, a paz, a non sobreexplotación do entorno e da natureza. O mar, o norde e a pureza son as súas características fundamentais. Podería dicir que é Galiza en estado puro.
Ao chegar á zona de Barreiros, concello do norde de Lugo, entre Burela e Ribadeo, precisamos dar algunhas voltas por carreteras secundarias antes de dar, por fin, coa Praia das Catedrais, un monumento natural que merece ser coidado e respectado ao máximo. E pode que o xeito de coidala sexa mantela no anonimato, e non falar dela cara ao público, mais un completo esquecemento podería ser fatal tamén. É por iso que é sobradamente merecente do título de monumento natural, declarado pola Xunta de Galicia.
A peculiaridade desta praia é que a forza erosiva da auga do mar, augas confluentes do Mar Cantábrico e do Océano Atlántico nesta zona, coa enerxía coa que bate nesta parte do mundo, furou nas rochas da praia, e co tempo, no areal, non só hai area, senón unhas "illas" de penedo que se elevan entre as ondas marítimas, a area fina, e os regueiros que reconducen pequenas correntes de agua dende terra firme até o mar profundo.
Mais a grandiosidade deste monumento natural non fica só aí. Despois de admirar o que viamos cos ollos decidimos poñer os pés na area e quixemos coñecer os seus recunchos de primeira man, aproveitando, iso si, que a marea estaba baixa -porque se sube xa non sería o mesmo, vaia-. Subimos a un dos penedos, deses que reciben o nome de "catedrais" dan nome á praia. Dende o cume da rocha, onde medraba a herba, podíamos ver o mar lonxano, así como o acceso á praia, dende incluso máis altura.
Ao baixarmos á praia de novo, exploramos o interior das rochas. Pois si, as catedrais teñen unha enorme cavidade, na que o eco resoa como dende o altar dunha igrexa dese tamaño. Síntese a humidade, si, pódese tocar nas paredes rochosas e ver a auga pura e clara correndo dendo o máis profundo fondo até onde estaba agora a beira da auga, na praia.
Entrar alí era como entrar pola porta doutra dimensión, con outro clima, outro nivel de humidade, temperatura, outro nivel de luz... e unha sensación de frescura e pureza que daba ganas de bebela. e alí había unhas pedriñas, uns cantos tan suaves e arredondeados, que non me quedou outra opción que coller un e gardalo conmigo. Aquí o teño hoxe, ben gardado na miña habitación, como un cachiño da praia das catedrais na miña propia casa.
Despois de pasar unha marabillosa mañá na praia das catedrais, e disfrutando dos seus verdes arredores, coidados pensando no entorno medioambiental, para que permaneza como está, decidimos ir xantar até a vila de Burela. Alí atopamos unha gustosa oferta de mariscada a un prezo inmellorábel, e nin que dicir ten que o que comimos estaba boísimo. E incluía a especialidade da zona, o percebe, tan cotizado ultimamente, sobre todo para o Nadal. Burela é unha mediana vila do norde de Lugo, tamén, coa súa costa, mirando cara o Cantábrico, con vocación mariñeira.
Aproveitamos as primeiras horas da tarde para, á vez que nos facía a dixestión comodamente, dar un paseíño que nos axudase a elo. Botamos a andar e decidimos facer unha incursión en territorio asturiano, que estaba moi perto de alí. Paramos no concello de Tapia de Casariego, onde se ve que se da moi ben o turismo natural, e as acampadas. Alí tamén había praias moi bonitas, que miraban cara a pleno mar Cantábrico, con area fina que se extendía dende a beira do mar até os pés de altas e enormes rochas.
Xa á volta, decidimos voltar por Barreiros e revisitar a praia das Catedrais. Tomamos un xeado mentres viamos como se ía poñendo o sol, tras un día de enfeitizadora primavera. Agora xa estabamos vendo a outra cara da praia de augas santas -outro nome co que se coñece á praia das catedrais-. Despois de varias horas, a marea xa estaba alta de todo e non se podía baixar á praia nin subir até os penedos máis desapegados do acceso. Agora, as nosas profundas catedrais eran illas que guiaban o sol cara o hourizonte, mentres os últimos turistas da xornada facían fotos para enmarcar -iso a pesar de que o día comezara a escurecer por unha razón distinta á noite-. Mais o verdadeiramente enmarcábel é ver o antes é o despois. Iso si que é impresionante.
lunes
Suscribirse a:
Entradas (Atom)