Mostrando entradas con la etiqueta Rías Altas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Rías Altas. Mostrar todas las entradas

lunes

A praia dos deuses

Alboraba un día plenamente primaveral e xa nas primeiras horas tomamos camiño cara ao norde. Atravesamos o interior da provincia da Coruña, pola A-6 en direción Madrid. aló por Vilalba, na Terra Chá. E dende alí continuamos cara Asturias, cara a Mariña Luguesa, un pequeno paraíso case descoñecido para a masa. Talvez sexa precisamente iso o que nolo fai máis atractivo, a tranquilidade, a paz, a non sobreexplotación do entorno e da natureza. O mar, o norde e a pureza son as súas características fundamentais. Podería dicir que é Galiza en estado puro.

Ao chegar á zona de Barreiros, concello do norde de Lugo, entre Burela e Ribadeo, precisamos dar algunhas voltas por carreteras secundarias antes de dar, por fin, coa Praia das Catedrais, un monumento natural que merece ser coidado e respectado ao máximo. E pode que o xeito de coidala sexa mantela no anonimato, e non falar dela cara ao público, mais un completo esquecemento podería ser fatal tamén. É por iso que é sobradamente merecente do título de monumento natural, declarado pola Xunta de Galicia.

A peculiaridade desta praia é que a forza erosiva da auga do mar, augas confluentes do Mar Cantábrico e do Océano Atlántico nesta zona, coa enerxía coa que bate nesta parte do mundo, furou nas rochas da praia, e co tempo, no areal, non só hai area, senón unhas "illas" de penedo que se elevan entre as ondas marítimas, a area fina, e os regueiros que reconducen pequenas correntes de agua dende terra firme até o mar profundo.



Mais a grandiosidade deste monumento natural non fica só aí. Despois de admirar o que viamos cos ollos decidimos poñer os pés na area e quixemos coñecer os seus recunchos de primeira man, aproveitando, iso si, que a marea estaba baixa -porque se sube xa non sería o mesmo, vaia-. Subimos a un dos penedos, deses que reciben o nome de "catedrais" dan nome á praia. Dende o cume da rocha, onde medraba a herba, podíamos ver o mar lonxano, así como o acceso á praia, dende incluso máis altura.

Ao baixarmos á praia de novo, exploramos o interior das rochas. Pois si, as catedrais teñen unha enorme cavidade, na que o eco resoa como dende o altar dunha igrexa dese tamaño. Síntese a humidade, si, pódese tocar nas paredes rochosas e ver a auga pura e clara correndo dendo o máis profundo fondo até onde estaba agora a beira da auga, na praia.



Entrar alí era como entrar pola porta doutra dimensión, con outro clima, outro nivel de humidade, temperatura, outro nivel de luz... e unha sensación de frescura e pureza que daba ganas de bebela. e alí había unhas pedriñas, uns cantos tan suaves e arredondeados, que non me quedou outra opción que coller un e gardalo conmigo. Aquí o teño hoxe, ben gardado na miña habitación, como un cachiño da praia das catedrais na miña propia casa.

Despois de pasar unha marabillosa mañá na praia das catedrais, e disfrutando dos seus verdes arredores, coidados pensando no entorno medioambiental, para que permaneza como está, decidimos ir xantar até a vila de Burela. Alí atopamos unha gustosa oferta de mariscada a un prezo inmellorábel, e nin que dicir ten que o que comimos estaba boísimo. E incluía a especialidade da zona, o percebe, tan cotizado ultimamente, sobre todo para o Nadal. Burela é unha mediana vila do norde de Lugo, tamén, coa súa costa, mirando cara o Cantábrico, con vocación mariñeira.



Aproveitamos as primeiras horas da tarde para, á vez que nos facía a dixestión comodamente, dar un paseíño que nos axudase a elo. Botamos a andar e decidimos facer unha incursión en territorio asturiano, que estaba moi perto de alí. Paramos no concello de Tapia de Casariego, onde se ve que se da moi ben o turismo natural, e as acampadas. Alí tamén había praias moi bonitas, que miraban cara a pleno mar Cantábrico, con area fina que se extendía dende a beira do mar até os pés de altas e enormes rochas.

Xa á volta, decidimos voltar por Barreiros e revisitar a praia das Catedrais. Tomamos un xeado mentres viamos como se ía poñendo o sol, tras un día de enfeitizadora primavera. Agora xa estabamos vendo a outra cara da praia de augas santas -outro nome co que se coñece á praia das catedrais-. Despois de varias horas, a marea xa estaba alta de todo e non se podía baixar á praia nin subir até os penedos máis desapegados do acceso. Agora, as nosas profundas catedrais eran illas que guiaban o sol cara o hourizonte, mentres os últimos turistas da xornada facían fotos para enmarcar -iso a pesar de que o día comezara a escurecer por unha razón distinta á noite-. Mais o verdadeiramente enmarcábel é ver o antes é o despois. Iso si que é impresionante.

Cedeira, tesouro percebeiro

Parece incríbel que unha provincia non tan extensa poida supor unha variedade tal. A Coruña non parece tal. Se viaxas a Santiago, a Ortegal, ou ao Barbanza, non tes conciencia de estar na Coruña. Son mundos totalmente diferentes aos que nos amosa a cidade de Hércules, a antiga Brigantia, ou as parroquias da comarca das Mariñas, ou mesmo Bergantiños. Non se pode perder de vista a gran cantidade de kilómetros de costa que ten a provincia, nos seus cabos, rías e praias. É a provincia que une rías Altas e Baixas, coa costa da Morte na fachada, a que ten os puntos máis ao Poñente, tanto de España como de Galiza –Fisterra-, e o máis norde, tamén de España e Galiza –Estaca de Bares-.

Precisamente á parte deste último foi a onde me levou esta vez o corazón. Case unha hora de paseo a gasoil até Ferrol e un bo anaco máis até Cedeira foi a viaxe do día deste Xoves Santo pasado. Pasamos por Pontedeume, Fene, Ferrol, Valdoviño... e finalmente chegamos á vila percebeira por excelencia.

A Ría parte dende a vila. Os restaurantes e bares ofrecen percebes a propios e alleos, xa chaman dende o nome ou a decoración da fachada do local. A gran praza central, peonil, e cunha parte cara a praia, semella estar reservada ás festas locais. Se continuamos o camiño pola estrada, aproximarémonos ao porto pesqueiro de Cedeira. Grandes e pequenos barcos, de todas as cores, agardan o reciben a súa reparación ao principio das instalacións. Ao outro lado da estrada, á nosa dereita, poderíamos aparcar, pero preferimos seguir até o final do traxecto, até o mar.

O porto dunha vila mariñeira so adoita ter instalacións pesqueiras. As redes enchen as beiras do peirao. As barcas “aparcan” no dique que as protexe dos temporais, dos crus invernos galegos –que dicir no mar!-. A ría actúa de dique natural, pero a súa anchura por partes non impide moitas veces que a tempestade chegue ás costas. Hoxe o mar está calmo. Só algunhas ondiñas baten nas rochas da base da costa, creando esa leve e típica escumiña branca, que parece xabrón, ou a desintegración das materias que baten con esa forza.

Ao final do porto, atopei unhas escaleiras que levan ao monte, monte que forma un acantilado coa súa altura á beira do mar. Alí mesmo hai unha vella edificación que se ve que foi restaurada hai pouco tempo. Semella ser unha especie de fortaleza, con canóns, que dende o alto divisaba ao foráneo que penetraba na ría –“Amigo ou inimigo?”-. Imaxino aos antergos dos que miran dende o porto, convertidos en pacíficos mariños ou en arriscados percebeiros, alí apostados, cos canóns en garda, vixiando polos seus, e pola súa terra. Seguramente teña sido terra –e mar- de “cruzadas” dos vikingos, pola súa situación, tan ao norde do país.

Por detrás das murallas desta antigüidade inda hai máis que subir, a terreo forestal. O lugar estaba preparado para paseos. Así, atopamos a moitos viandantes polo camiño. Cando chegamos ao máis alto, vimos de fronte a caída libre da terra até o mar. Inda así, víase a pegada do home naqueles difíciles lugares e había camiños a pé marcados que baixaban até a auga, ou case. A costa, alta, facía unha especie de oco arredondado polo que se introducía un anaco da ría. A beira facía forma de ferradura e fronte a nós vimos unhas cabras rubindo a ladeira, entre penedos e toxos.

Seguindo o camiño marcado polo paseo, e antes de finalmente chegar ao cabo, vimos un monumento mortuorio, adicado a unha rapaza falecida en 1993, cando contaba con 19 anos. Non puiden saber se a coitada morrera naquel lugar, nin nada da historia dese particular recordo. Inda que sempre é doado entregarse á imaxinación...

Cando por fin chegamos ao cabo, este semellaba case unha illa, ou unha embarcación, i eu na proa, dominando o mar, a ría, cun ollar. Dende alí víanse saír e entrar ao porto a todos os barcos. E xa alí, púñase o Sol...

Á volta xogamos a guerreiros e fortalezas medievais, desas que solucionan todo a canonazos, e non deixamos pasar a ninguén á vila de Cedeira. Iso a pesar de andar con máis anos do que anda un neno normal. Inda que @ nen@ que habita en nós, nunca deixou de estar aí. Nótasenos ben.

Xa cando anoitecía pensamos en ir tomar un vasiño de algo bebible a aquela praciña que recende a festa. Alí as vacacións de Semana Santa berraban a todos que estaban presentes. Rapaces e rapazas berraban, xogaban, corrían, andaban coa “bici”... Unhas colchonetas instaladas no centro do lugar facían as delicias dos máis cativos e contaban co seu pleno visto e prace, inda que non teño seguro se tamén dos seus pais, alomenos na mesma proporción. Unha cativiña berra: “Mamai! Mamai! Mira o que sei facer!”, a mamá dille que a ver, e cando a nena inicia o que para ela o seu triplo salto mortal con todo tipo de adornos ximnásticos, a nai torce o fociño e segue co que estaba: “Pois o que che dicía de...”. “MAMÁAAA! Jooo...!”.

Despois de dar unha volta polo parque que arrodea á praia, no que atopamos caravanas de viaxeiros que se dispuñan a cear e durmir, pensamos que xa era hora de picar algo nós tamén. Parece que iso mesmo pensou moita máis xente, pois os restaurantes estaban ateigados. Ademais o fútbol fai estragos en Galiza e non hai ninguén alleo a ese deporte. Os partidos da UEFA do Sevilla e o Espanyol perseguíannos aló onde fosemos. O mellor da cea, os mexilóns. Nunca atoparemos escusa para negar a nosa galeguidade, o noso papo fala por nós. Así pois, a volta foi máis agradable, co sabor da cea nos beizos...